jueves, 30 de octubre de 2025

UNHA MAÑÁ DE MEDO!!!

Esta semana na Trasnoteca vivimos unha xornada moi especial! Celebramos o Samaín/Halloween cunha mañá chea de música, contos e moita maxia. A biblioteca encheuse de risas, disfraces e espíritos festivos que fixeron que todos, pequenos e maiores, gozasen dunha mañá inesquecible.


Comezamos coa actuación dos profes, que nos fixeron pasar un intre moi divertido. Susana, Natalia, Sergio, Antonio, Bea, Ana e Sara subiron ao escenario co seu mellor espírito de Samaín e sorprenderon a todos cun espectáculo terrorífico cheo de humor, ritmo e moita enerxía. Non faltaron as risas nin os aplausos.


Despois chegou o turno dos verdadeiros protagonistas da xornada: os nenos e nenas de sexto. Prepararan con moita ilusión unhas actuacións coas cancións de “Happy Halloween”, que fixeron cantar e bailar a todo o público. Foi xenial ver o traballo, a creatividade e o entusiasmo que puxeron en cada detalle.


A continuación, chegou un dos momentos máis esperados: a actuación da familia Addams. Co seu coñecido espectáculo de mans e vasos, fixeron unha posta en escena impresionante que deixou a todos coa boca aberta. Ritmo, coordinación e moito talento… parecía que tiñamos á verdadeira familia Addams na Trasnoteca.


E para poñer o broche de ouro a esta xornada tan especial, e, en honra do día da biblioteca escolar, recibimos a visita dunha contacontos moi especial, Uxía Morán que nos mergullou nun mundo de historias misteriosas e cheas de fantasía. Os contos de temática de Halloween/Samaín fixeron voar a imaxinación de grandes e pequenos, e deixáronnos coa sensación de que a maxia do Samaín segue viva na nosa biblioteca.


En resumo, foi unha mañá chea de emocións, creatividade e espírito de Samaín. Desde a TrasnoTeca, queremos dar as grazas a todo o profesorado, ao alumnado e á nosa contacontos convidada por facer deste día unha auténtica festa das letras e da imaxinación.


Ata o vindeiro Samaín… e lembrade que os libros tamén gardan maxia! 



                                                 



viernes, 24 de octubre de 2025

UNHA AVENTURA A TRAVÉS DO TEMPO!!!

Hoxe na Trasnoteca tivemos unha visita moi especial: os nosos amigos de Coeducontando viñeron compartir con nós un conto diferente, cheo de aprendizaxe, emoción e inspiración.


A través dunha sesión interactiva, divertida e chea de curiosidades, viaxamos pola historia para coñecer a vida de mulleres valentes e brillantes que deixaron unha pegada inesquecible no mundo.


Entre outras descubrimos a Ada Lovelace, a primeira programadora da historia; a Malala Yousafzai, a muller máis nova en recibir o Premio Nobel da Paz pola súa loita polo dereito á educación; e tamén a J.K. Rowling, a autora da saga de Harry Potter, a saga de libros mais vendida de todos os tempos.


Foi unha experiencia inspiradora e moi divertida, que nos lembrou o importante que é coñecer, valorar e celebrar o papel das mulleres que cambiaron o mundo.


Grazas a Coeducontando por esta viaxe tan especial pola historia!

Seguimos aprendendo, soñando e descubrindo novas historias na nosa Trasnoteca.

NA TRASNOTECA XA SE RESPIRA O AMBIENTE DE SAMAÍN/HALLOWEEN!!!

Ao longo desta semana, o alumnado de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de Primaria pasou pola Trasnoteca para participar nas actividades desta festividade tan arrepiante.


Grazas a todo o alumnado colaborador de 5º e 6º  por botarnos unha man e facer posible esta celebración!


Fixémoslle caso ao noso amigo Luis, de CLIMAR, que nos visitou hai unhas semanas, e decidimos poñer o noso gran de area para coidar o planeta e contaminar menos.


Nesta ocasión, a nosa contribución foi reciclar pratos e vasos de cartón, xunto con algunhas tiras de papel, e o resultado foi… ¡totalmente fantasmagórico!

Por suposto, cada pantasma leva o seu toque persoal, que o fai aínda máis arrepiante.


E se non me credes… poñédeo ao vento nunha noite escura e xa veredes!



  






lunes, 20 de octubre de 2025

SAPOS BRUXAS E CURUXAS!!!

 A nosa biblioteca convértese esta semana nun espazo cheo de maxia, misterio, moita imaxinación, e un pouquiño de medo!


Durante toda a semana, o alumnado de 1º a 4º de Primaria poderá participar nunha actividade moi especial de Halloween / Samaín, onde o único requisito é traer o teu estoxo,  un rotulador negro, e non ter medo! 


Aquí tes o calendario das actividades:


Martes, 21 de outubro

4º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Se queres participar, só precisas un rotulador negro, moitas ganas… e nada de medo!


Mércores, 22 de outubro

3º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Trae o teu rotulador negro e ven sen medo!


Xoves, 23 de outubro

2º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Só precisas o teu estoxo e… moito valor!


Venres, 24 de outubro

1º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Trae o teu estoxo e… non teñas medo!!!


Anímate a participar!

A biblioteca estará chea de risas, debuxos, contos e pequenas doses de susto.

Porque aprender tamén pode ser divertido e un pouco terrorífico!


Así que, vémonos durante esta semana... se vos atrevedes!

martes, 14 de octubre de 2025

UNHA VISITA INTERNACIONAL!!!

Hoxe tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca a Isabel Iglesias Fernández e a Luís R. Vieira, que viaxaron dende Oporto co proxecto CLIMAR para ter unha charla cos nosos alumnos  e alumnas de 6º.


Viñeron para compartir con nós algo moi importante: como podemos coidar o noso planeta reducindo a contaminación, especialmente o lixo mariño, como os plásticos e microplásticos que tanto dano fan ao mar e aos seres vivos que nel habitan. Así como contarnos o seu proxecto para limpar os fondos mariños.


Foi unha charla chea de curiosidades, exemplos reais e ideas que todos podemos poñer en práctica no día a día. 


Grazas a Isabel e a Luís por axudarnos a entender mellor que cada pequeno xesto conta para construír un futuro máis limpo e sostible


  
  




lunes, 13 de octubre de 2025

CHEGOU O DÍA!!!

Xa non hai quen nos pare!


Despois de tanto agardar, a Trasnoteca xa está aberta! Hoxe damos comezo a esta nova aventura lectora, e estamos felices de poder compartir este espazo con todas e todos vós.


Agora xa podedes achegarvos durante os segundos recreos para coller un libro, descubrir novas historias ou simplemente pasar un bo rato entre páxinas e palabras.


Lembrade que, para levar un libro novo, é necesario devolver o anterior, así todas e todos poderemos seguir desfrutando da lectura.


A Trasnoteca agarda por vós… non quededes sen a vosa historia de hoxe!




viernes, 10 de octubre de 2025

VÉMONOS PRONTO!!!

Por fin chegou o gran día! 

Despois dunha longa espera, xa poñemos en marcha os motores! 

A partir do luns 13 de outubro de 2025, estaremos encantados de recibirvos a todas e todos os que queirades vir compartir un anaco do voso tempo connosco.


Lembrade que a Trasnoteca só estará aberta durante os segundos recreos, así que non o esquezades se queredes achegarvos a ler, descubrir novos libros ou simplemente pasar un bo momento!


E ti, que me dis, anímaste?




jueves, 9 de octubre de 2025

COMEZAMOS A VIAXAR!!!

Boas de novo, xa estamos de volta por aquí!


Os nosos colaboradores e colaboradoras da Trasnoteca xa foron polas clases para anunciar a nosa chegada. Moitas grazas!


Iso significa que moi pronto nos veremos na casa de cada un de vós coas lecturas máis divertidas e interesantes do curso.


Entón, que me dicides?

Viaxamos xuntos?