miércoles, 3 de diciembre de 2025

EMPEZA A CHEIRAR A NADAL!!!

A maxia do nadal xa se sente polo cole, e a trasnoteca non se podía quedar atrás. Esta semana, durante os recreos, comezamos cos obradoiros de decoracións de Nadal  que cada curso se preparan con tanta ilusión e imaxinación.

O alumnado de 5º de Primaria foi o primeiro en inaugurar esta tradición, realizando xa o seu obradoiro de decoracións.


A vindeira semana continuaremos cos demais cursos:

4º de Primaria → Martes 9

3º de Primaria → Mércores 10

2º de Primaria → Xoves 11

1º de Primaria → Venres 12


Ademais, na parede exterior da biblioteca xa están expostas as postais de Nadal realizadas por todos os cursos, cheas de cor, bos desexos e moita imaxinación. Animamos a todas as familias e ao alumnado a pasar e desfrutar desta fermosa mostra colectiva!

Así que xa sabedes, esperámosvos aquí! 

Que comece o Nadal!!!

miércoles, 26 de noviembre de 2025

ABRE CON NOS A PORTA VIOLETA!!!

Onte, con motivo do 25N – Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a nosa biblioteca encheuse de voz, emoción e compromiso.

O alumnado de sexto de Primaria preparou unha actividade moi especial na que a literatura e a música foron protagonistas.


Ao longo da mañá, os nenos e nenas interpretaron poemas dedicados á igualdade, ao respecto e á convivencia. Cada lectura foi unha invitación a reflexionar sobre a importancia de construír un mundo máis xusto e seguro para todas as persoas.


Para poñer o broche final, os grupos de sexto ofreceron unha fermosa interpretación de “A porta violeta”, de Rozalén. Cantárona con moita sensibilidade e, ademais, acompañaron a melodía tocando o ukelele. O resultado foi un momento máxico que emocionou a todas as persoas presentes.


Desde a trasnoteca queremos agradecer a súa implicación e lembrar que a cultura, xa sexa a través dos libros, da poesía ou da música, é unha ferramenta poderosa para educar en valores.


Grazas por abrir connosco esta porta violeta cara á igualdade!







martes, 25 de noviembre de 2025

NOVIDADES DE LECTURA NA TRASNOTECA

Moi bos dias rapaces e rapazas, temos novidades de lectura!!!

Na Trasnoteca sempre nos encanta incorporar novas historias ás nosas estanterías, e este mes temos unha selección moi especial para os lectores máis pequenos. Aventuras, misterio, humor e moita imaxinación… ¡todo listo para que os nenos e nenas atopen o seu novo libro favorito!



 

martes, 18 de noviembre de 2025

O que internet non conta!!!


Hoxe vivimos unha xornada moi especial na nosa biblioteca escolar. Recibimos a visita de Roberto Valente, garda civil especializado en educación para a cidadanía dixital, que veu compartir cos máis pequenos unha charla chea de consellos útiles e exemplos prácticos para navegar con seguridade polas redes.


A sesión estivo chea de contidos educativos, preguntas e moita curiosidade por parte do alumnado. Roberto explicou dun xeito sinxelo, próximo os principais perigos das redes sociais, como a difusión de información persoal, o contacto con descoñecidos ou a importancia de pensar antes de publicar.


Un dos temas que máis chamou a atención foi o da huella dixital: todos eses rastros que deixamos cando usamos internet e que, sen darnos conta, poden permanecer durante moito tempo. Os nenos e nenas aprenderon que cada fotografía, comentario ou “gústame” constrúe unha parte da súa identidade en liña.


Tamén falamos sobre os dispositivos intelixentes, como móbiles, altavoces virtuais ou tablets. Roberto explicou que, “escoitan nin ven todo o que facemos” ,  ademáis de que poden recoller datos se teñen certas funcións activadas. Por iso, é importante configurar adecuadamente a privacidade, revisar os permisos das aplicacións e pedir sempre axuda ás persoas adultas.


Outro punto fundamental da charla foi o risco de que, nalgúns videoxogos en liña, como Roblox, persoas descoñecidas intenten facerse amigas de menores para gañar a súa confianza e logo propoñer encontros na vida real. Roberto insistiu en que isto non é seguro nin aceptable, e que calquera situación deste tipo debe ser comunicada inmediatamente ás familias ou ao profesorado. O alumnado aprendeu que, igual que na vida cotiá, non se debe quedar con ninguén que non se coñeza e que os videoxogos deben ser un espazo de xogo, nunca un lugar para dar información persoal.


Foi, sen dúbida, unha actividade enriquecedora que axuda a formar usuarios responsables e críticos no mundo dixital.


Desde a biblioteca queremos agradecerlle a Roberto Valente a súa achega e o seu tempo. Agardamos volver a velo noutra ocasión para seguir aprendendo sobre este tema tan importante!





jueves, 30 de octubre de 2025

UNHA MAÑÁ DE MEDO!!!

Esta semana na Trasnoteca vivimos unha xornada moi especial! Celebramos o Samaín/Halloween cunha mañá chea de música, contos e moita maxia. A biblioteca encheuse de risas, disfraces e espíritos festivos que fixeron que todos, pequenos e maiores, gozasen dunha mañá inesquecible.


Comezamos coa actuación dos profes, que nos fixeron pasar un intre moi divertido. Susana, Natalia, Sergio, Antonio, Bea, Ana e Sara subiron ao escenario co seu mellor espírito de Samaín e sorprenderon a todos cun espectáculo terrorífico cheo de humor, ritmo e moita enerxía. Non faltaron as risas nin os aplausos.


Despois chegou o turno dos verdadeiros protagonistas da xornada: os nenos e nenas de sexto. Prepararan con moita ilusión unhas actuacións coas cancións de “Happy Halloween”, que fixeron cantar e bailar a todo o público. Foi xenial ver o traballo, a creatividade e o entusiasmo que puxeron en cada detalle.


A continuación, chegou un dos momentos máis esperados: a actuación da familia Addams. Co seu coñecido espectáculo de mans e vasos, fixeron unha posta en escena impresionante que deixou a todos coa boca aberta. Ritmo, coordinación e moito talento… parecía que tiñamos á verdadeira familia Addams na Trasnoteca.


E para poñer o broche de ouro a esta xornada tan especial, e, en honra do día da biblioteca escolar, recibimos a visita dunha contacontos moi especial, Uxía Morán que nos mergullou nun mundo de historias misteriosas e cheas de fantasía. Os contos de temática de Halloween/Samaín fixeron voar a imaxinación de grandes e pequenos, e deixáronnos coa sensación de que a maxia do Samaín segue viva na nosa biblioteca.


En resumo, foi unha mañá chea de emocións, creatividade e espírito de Samaín. Desde a TrasnoTeca, queremos dar as grazas a todo o profesorado, ao alumnado e á nosa contacontos convidada por facer deste día unha auténtica festa das letras e da imaxinación.


Ata o vindeiro Samaín… e lembrade que os libros tamén gardan maxia! 



                                                 



viernes, 24 de octubre de 2025

UNHA AVENTURA A TRAVÉS DO TEMPO!!!

Hoxe na Trasnoteca tivemos unha visita moi especial: os nosos amigos de Coeducontando viñeron compartir con nós un conto diferente, cheo de aprendizaxe, emoción e inspiración.


A través dunha sesión interactiva, divertida e chea de curiosidades, viaxamos pola historia para coñecer a vida de mulleres valentes e brillantes que deixaron unha pegada inesquecible no mundo.


Entre outras descubrimos a Ada Lovelace, a primeira programadora da historia; a Malala Yousafzai, a muller máis nova en recibir o Premio Nobel da Paz pola súa loita polo dereito á educación; e tamén a J.K. Rowling, a autora da saga de Harry Potter, a saga de libros mais vendida de todos os tempos.


Foi unha experiencia inspiradora e moi divertida, que nos lembrou o importante que é coñecer, valorar e celebrar o papel das mulleres que cambiaron o mundo.


Grazas a Coeducontando por esta viaxe tan especial pola historia!

Seguimos aprendendo, soñando e descubrindo novas historias na nosa Trasnoteca.

NA TRASNOTECA XA SE RESPIRA O AMBIENTE DE SAMAÍN/HALLOWEEN!!!

Ao longo desta semana, o alumnado de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de Primaria pasou pola Trasnoteca para participar nas actividades desta festividade tan arrepiante.


Grazas a todo o alumnado colaborador de 5º e 6º  por botarnos unha man e facer posible esta celebración!


Fixémoslle caso ao noso amigo Luis, de CLIMAR, que nos visitou hai unhas semanas, e decidimos poñer o noso gran de area para coidar o planeta e contaminar menos.


Nesta ocasión, a nosa contribución foi reciclar pratos e vasos de cartón, xunto con algunhas tiras de papel, e o resultado foi… ¡totalmente fantasmagórico!

Por suposto, cada pantasma leva o seu toque persoal, que o fai aínda máis arrepiante.


E se non me credes… poñédeo ao vento nunha noite escura e xa veredes!



  






lunes, 20 de octubre de 2025

SAPOS BRUXAS E CURUXAS!!!

 A nosa biblioteca convértese esta semana nun espazo cheo de maxia, misterio, moita imaxinación, e un pouquiño de medo!


Durante toda a semana, o alumnado de 1º a 4º de Primaria poderá participar nunha actividade moi especial de Halloween / Samaín, onde o único requisito é traer o teu estoxo,  un rotulador negro, e non ter medo! 


Aquí tes o calendario das actividades:


Martes, 21 de outubro

4º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Se queres participar, só precisas un rotulador negro, moitas ganas… e nada de medo!


Mércores, 22 de outubro

3º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Trae o teu rotulador negro e ven sen medo!


Xoves, 23 de outubro

2º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Só precisas o teu estoxo e… moito valor!


Venres, 24 de outubro

1º de Primaria

Primeiro e segundo recreo na biblioteca

Trae o teu estoxo e… non teñas medo!!!


Anímate a participar!

A biblioteca estará chea de risas, debuxos, contos e pequenas doses de susto.

Porque aprender tamén pode ser divertido e un pouco terrorífico!


Así que, vémonos durante esta semana... se vos atrevedes!

martes, 14 de octubre de 2025

UNHA VISITA INTERNACIONAL!!!

Hoxe tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca a Isabel Iglesias Fernández e a Luís R. Vieira, que viaxaron dende Oporto co proxecto CLIMAR para ter unha charla cos nosos alumnos  e alumnas de 6º.


Viñeron para compartir con nós algo moi importante: como podemos coidar o noso planeta reducindo a contaminación, especialmente o lixo mariño, como os plásticos e microplásticos que tanto dano fan ao mar e aos seres vivos que nel habitan. Así como contarnos o seu proxecto para limpar os fondos mariños.


Foi unha charla chea de curiosidades, exemplos reais e ideas que todos podemos poñer en práctica no día a día. 


Grazas a Isabel e a Luís por axudarnos a entender mellor que cada pequeno xesto conta para construír un futuro máis limpo e sostible


  
  




lunes, 13 de octubre de 2025

CHEGOU O DÍA!!!

Xa non hai quen nos pare!


Despois de tanto agardar, a Trasnoteca xa está aberta! Hoxe damos comezo a esta nova aventura lectora, e estamos felices de poder compartir este espazo con todas e todos vós.


Agora xa podedes achegarvos durante os segundos recreos para coller un libro, descubrir novas historias ou simplemente pasar un bo rato entre páxinas e palabras.


Lembrade que, para levar un libro novo, é necesario devolver o anterior, así todas e todos poderemos seguir desfrutando da lectura.


A Trasnoteca agarda por vós… non quededes sen a vosa historia de hoxe!




viernes, 10 de octubre de 2025

VÉMONOS PRONTO!!!

Por fin chegou o gran día! 

Despois dunha longa espera, xa poñemos en marcha os motores! 

A partir do luns 13 de outubro de 2025, estaremos encantados de recibirvos a todas e todos os que queirades vir compartir un anaco do voso tempo connosco.


Lembrade que a Trasnoteca só estará aberta durante os segundos recreos, así que non o esquezades se queredes achegarvos a ler, descubrir novos libros ou simplemente pasar un bo momento!


E ti, que me dis, anímaste?




jueves, 9 de octubre de 2025

COMEZAMOS A VIAXAR!!!

Boas de novo, xa estamos de volta por aquí!


Os nosos colaboradores e colaboradoras da Trasnoteca xa foron polas clases para anunciar a nosa chegada. Moitas grazas!


Iso significa que moi pronto nos veremos na casa de cada un de vós coas lecturas máis divertidas e interesantes do curso.


Entón, que me dicides?

Viaxamos xuntos?





viernes, 26 de septiembre de 2025

CHEGOU O DIA!

 A Trasnoteca  volve a abrir as súas portas, esperámosvos ver a todos e todas por aquí!


Todos os rapaces e rapazas de 5º e 6º que solicitaron para ser colaboradores e colaboradoras da trasnoteca foron admitidos! 

Así mesmo como os os alumnos e alumnas de prácticas de 5º.

Estades listos e listas? Arrancamos!


miércoles, 4 de junio de 2025

CERTAME LITERARIO

 

O venres 31 de Maio celebrouse no CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía o XII Certame de Debuxo, Conto e Relato “FALANDO DE SOLIDARIEDADE” no que o noso Cole participa todos os anos.

Este ano, a temática do concurso era a de “HISTORIAS SOLIDARIAS EN TEMPO DE PANDEMIA DIXITAL”, una temática moi actual, xa que todas as persoas podemos observar a dependencia que ten o ser humano dos medios dixitais, xa sexan móbiles, redes sociais... e o perigo que estas teñen, sobre todo para os nenos e adolescentes.

Todo o que se mandou versaba sobre as situacións problemáticas que xera o uso das tecnoloxías e que grazas a accións solidarias se poden afrontar, mellorar ou superar.

O noso centro mandou moitos traballos impresionantes e tivemos a varios finalistas e un par de gañadores. Estes foron os premiados:

Infantil: SABELA QUINTAS PÉREZ – FINALISTA

1º PRIMARIA: ZEUS CARRERA SILVA – GAÑADOR

2º PRIMARIA: JAIME POZO PRIETO – FINALISTA

2º PRIMARIA: ADAM ANTHONY GARCÍA OLIVA – FINALISTA

5º PRIMARIA: VALENTINA MOREIRAS BESADA – FINALISTA

6º PRIMARIA : CECILIA SEARA PELETEIRO – GAÑADORA

 

martes, 20 de mayo de 2025

NOVIDADES MAIO

 Ola rapaces e rapazas, temos novidades neste mes de Maio, claro que sí. Aquí as tedes, e todas moi interesantes...

 


XOVENES PROMESAS 1

 Ola rapaces temos o gusto de comunicarvos que estamos a inaugurar unha nova sección na Biblioteca. Chámase XÓVENES PROMESAS. Nela, gustaríanos dar visibilidade a alumnos/as con gusto pola escritura: pequenos relatos, cómics, poesía, obriñas de teatro...todo ten cabida se se fai con ganas e ilusión.

Para comezar temos a Jaime, un alumno de segundo de Primaria que con soamente sete aniños e medio, xa creou os seus propios cómics e ilustracions. El diario de Gato Man e Z-Blob.  





martes, 6 de mayo de 2025

DIA DO LIBRO

 Ola rapaces e rapazas, outro ano máis O DÍA DO LIBRO e como todos os anos tivemos interesantes actividades para conmemorar tan importante día: Lecturas no entorno natutal da Acearrica, Bibliopatio e incluso visitounos o autor Miguel Anxo Alonso Diz. Todo un luxo!!!






Cada libro é unha porta a novos mundos e posibilidades. Felices lecturas!!!






sábado, 19 de abril de 2025

OBRADOIRO DE PASCUA

 Ola neniñ@s, temos moi preto outra festividade, Pascua, e dende a biblioteca non queriamos que vos fórades a casa sen unha cestiña para meter ovos de Pascua. 

Este obradoiro viña con sorpresa...

Dende o equipo de biblioteca queremos agradecervos a vosa participación, ¡¡¡foi todo un éxito!!! 





sábado, 22 de marzo de 2025

NOVIDADES MARZO

 Ola rapaciñ@s, neste mes de Marzo temos moitíiiisimas novidades para vós, pero moitas, moitas. 

Tedes tantos libros para elexir ......

Acercádevos a biblio e non saiades sen un na man😀.


 

MALETA VIAXEIRA

 Ola rapaciñ@s, sabedes que? Temos outra vez unha MALETA VIAXEIRA no colexio👏👏

Cómics, moitos cómics veñen nela. A que esperas para botarlle unha ollada? 



 

TALLER DE MÁSCARAS

 Neste curso estamos a facer Talleres que poden ser do voso interés, ou polo menos, o intentamos😉.

Non podía faltar o Taller de Máscaras polo Entroido. 




sábado, 15 de febrero de 2025

NOVIDADES FEBREIRO

 Ola rapaces, xa tedes na Biblioteca as novidades do mes de Febreiro. Nesta ocasión o que temos son coleccions: Forasteros del Tiempo, Primos S.A....algunas son para engadir títulos e noutras son novas na biblioteca. Aquí tedes un video para que saibades cales son.  Estamos segurísimos que vos van encantar. 


 

domingo, 26 de enero de 2025

MALETA VIAXEIRA

 Ola rapaces, con motivo do Día da Ilustración (30 Xaneiro) volvemos a ter connosco a MALETA VIAXEIRA. Nesta ocasión os libros que contén son máis axeitados para os nenos e nenas de Primeiro Ciclo, aínda que todos e todas podedes disfrutar das súas marabillosas ilustracions, son realmente fermosas. 

Xa sabedes que esta maletiña non é do colexio e está soamente uns días connosco, así que apurade e botádelle unha ollada no segundo recreo do patio.




miércoles, 15 de enero de 2025

NOVIDADES XANEIRO

 Ola rapaces, xa tedes a vosa disposición moitas novidades. E coma sempre hai de todo: libros de misterio, cómics, de ciencia, sociais, de aventuras... para grandes e pequenos. 

E moitos, moitos, en galego👏👏👏