Hoxe vivimos unha xornada moi especial na nosa biblioteca escolar. Recibimos a visita de Roberto Valente, garda civil especializado en educación para a cidadanía dixital, que veu compartir cos máis pequenos unha charla chea de consellos útiles e exemplos prácticos para navegar con seguridade polas redes.
A sesión estivo chea de contidos educativos, preguntas e moita curiosidade por parte do alumnado. Roberto explicou dun xeito sinxelo, próximo os principais perigos das redes sociais, como a difusión de información persoal, o contacto con descoñecidos ou a importancia de pensar antes de publicar.
Un dos temas que máis chamou a atención foi o da huella dixital: todos eses rastros que deixamos cando usamos internet e que, sen darnos conta, poden permanecer durante moito tempo. Os nenos e nenas aprenderon que cada fotografía, comentario ou “gústame” constrúe unha parte da súa identidade en liña.
Tamén falamos sobre os dispositivos intelixentes, como móbiles, altavoces virtuais ou tablets. Roberto explicou que, “escoitan nin ven todo o que facemos” , ademáis de que poden recoller datos se teñen certas funcións activadas. Por iso, é importante configurar adecuadamente a privacidade, revisar os permisos das aplicacións e pedir sempre axuda ás persoas adultas.
Outro punto fundamental da charla foi o risco de que, nalgúns videoxogos en liña, como Roblox, persoas descoñecidas intenten facerse amigas de menores para gañar a súa confianza e logo propoñer encontros na vida real. Roberto insistiu en que isto non é seguro nin aceptable, e que calquera situación deste tipo debe ser comunicada inmediatamente ás familias ou ao profesorado. O alumnado aprendeu que, igual que na vida cotiá, non se debe quedar con ninguén que non se coñeza e que os videoxogos deben ser un espazo de xogo, nunca un lugar para dar información persoal.
Foi, sen dúbida, unha actividade enriquecedora que axuda a formar usuarios responsables e críticos no mundo dixital.
Desde a biblioteca queremos agradecerlle a Roberto Valente a súa achega e o seu tempo. Agardamos volver a velo noutra ocasión para seguir aprendendo sobre este tema tan importante!
No hay comentarios:
Publicar un comentario